Tuesday 30 de April de 2024

O espectáculo de Microteatro reunirá este domingo cinco agrupacións de teatro no parque de San Lorenzo (Tállara-Lousame)


O Concello de Lousame e a asociación cultural Toxos e Carrouchas convidan á veciñanza a traer a súa merenda, desfrutar das representacións e gozar desta contorna natural

O Concello de Lousame e a asociación cultural Toxos e Carrouchas, en colaboración coa Deputación da Coruña, organizan este domingo 18 de xuño, ás 18:00 horas, o espectáculo “Microteatro”. Unha actividade que inclúe cinco pequenas representacións teatrais a cargo doutros cinco grupos de teatro, que utilizarán a contorna natural do parque de San Lourenzo (Tállara-Lousame) para facer pequenas representacións dos seus últimos traballos.

Así, Teatro do Improvisto presentará “Gretel”, mentres que os locais de Tastarabás Teatro representarán “Akelarre!!!”. Completarán o programa de actuacións Tik Tak Teatro, con “Guerrilla, a última trincheira”, LSD con “Amor entre tres” e Ágape coa peza “A gaiola”. Os cinco grupos ofrecerán aos espectadores outras tantas pequenas representacións, que terán lugar a aire libre.

A concelleira de Xuventude, María Regenjo, convida a todos os veciños e veciñas “a que desfruten dunha tarde de teatro tendo, ademais, a posibilidade de traer a súa merenda e gocen da contorna”. Esta actividade, inicialmente programada para o pasado 3 de xuño, tivo que ser aprazada por problemas de dispoñibilidade dalgúns dos participantes. Finalmente, o “Microteatro”contará con cinco participantes, un máis dos previstos inicialmente. A asistencia é totalmente libre e de balde.